O reloxo non durme. Dende hai uns días as súas agulhas arden vendo pasa-lo tempo. A saudade, axudada po-lo inverno, apoderouse d´il e agora sinte como a vida fuxe de vagar.
Xa non soan os chíos de ledicia chegada a hora nin o martelar incesante dos segundos. Seguramente, a morrinha da minha ialma, invadira o seu engrenaxe secreto.
Foi entón cando decidín chama-lo doutor da minha aldea. Dispois de observa-lo cunha serie de instrumentos, chegou á conclusión de que non se podía facer ren. Que o melhor sería tira-lo.
Paseino moi mal. Como lhe podía facer iso? Il, que endexamais esquecera a hora exacta. Il, que acompanhaba os silenzos co fermoso son do seu latexo.
Acheguei a gaiola onde tinha o reloxo á fiestra e abrín a pequena porta. De supeto, o sol comezou agromar entre os penedos do val e as pequenas andurinhas encheron o ceo azul voando dun lado cara outro. Sen saber moi ben o que aconteceu, comecei a escoitar o novo tic-tac da vida e, sen darme conta, a gaiola precipitouse.
O reloxo xa non estaba e nunca voltou xunto a min. Seguramente decidíu que xa era hora de voar e descubrir o que lhe agardaba fora daqueles barrotes.