
Abriu os olhos e fitou ao redor. Diante d´il catro paredes brancas erguíanse formando un cadrado perfecto. Non tinha portas nin fiestras e, o máis curioso de todo, tampouco tinha teito.
Ergueuse e caminhou uns pasos mentres, cos dedos, percorría as frías paredes da cela. Tentaba lembrar o motivo que o levara a estar naquel lugar.
De supeto, no ceo, xurdiu o que semelhaban ser unha serie de imaxes da súa infancia. A primeira bicicleta que lhe mercara o seu pai, o primeiro beixo que lhe fixera sentir voar un sin fin de bolboretas no bandulho, os vraos na aldea deitado sobor da herba… En pouco tempo as bágoas baixaron como fervenzas po-las súas meixelas até uns beizos que tremían coa emoción do momento.
Uns pasos soaron tras d´il. Cando volteou a olhada puido comprobar que, onde estivera deitado, agora había un xiz de cor verde e unha pequena chave. Pero de onde? Non había portas, nin fiestras, nin ren que semelhara unha fechadura. Que broma era aquela?
“O único xeito de saires de eiquí ten que ser debuxando a maldita porta.” – pensou.
Escéptico comezou a tarefa e, pouco a pouco, conseguiu debuxa-la sobor dunha das paredes. Cal foi a súa sorpresa cando, ao rematar, ista transformouse, permitíndolhe inserir a pequena chave que xirou cun leve “tclack” abrindo, fronte a il, outra cela de iguais características pero onde lhe agardaba, sen sabelo, o caminho cara a tan ansiada liberdade.
“Acaso a las estrellas se llegue por aquí. Pero mi gran torpeza me impedirá llegar. No hay que pensar en ellas.” - “Los encuentros de un caracol aventurero”, Federico García Lorca